4 de Xullo de 2024

,

Santa Isabel de Portugal
4 de Xullo de 2024

,

Santa Isabel de Portugal

Saúdo de Mons. Antonio Valín Valdés, novo bispo de Tui-Vigo, á diocese

Saúdo de Mons. Antonio Valín Valdés, novo bispo de Tui-Vigo, á diocese

Benqueridos irmáns e amigos que peregrinades na Igrexa diocesana de Tui-Vigo:

Como ben sabedes, o papa Francisco ven de comunicar o desexo de que me una a esa Igrexa particular, a través do servizo da unidade; agradézolle a súa confianza e prégolle a súa oración.

Desde este momento, o meu corazón e pensamento están xa cercanos a vós. Quero sentirme moi unido a toda comunidade diocesana, a cada unha das persoas que a formades, a todos aqueles que vivides, gozades e loitades, nese fermoso anaquiño da nosa terra que é a diocese de Tui-Vigo. Gustariame que me sentírades como un irmán que quere participar con vós da vosa vida e que quere facer camiño convosco, compartindo o que sodes, vivides e esperades. Quero compartir o que eu son, as miñas ilusións e esperanzas, a alegría da fe e a paixón polo Evanxeo e o Reino do Señor, especialmente cos máis pobres e descartados da nosa sociedade. Soño cunha Igrexa na que todos e todas, cadaquén coa súa sensibilidade e poñendo o seu gran de área, se sinta convocado, partícipe e responsable nesta nova etapa sinodal que estamos a vivir na Igrexa, á que tantas veces nos convoca o Papa Francisco.

Sei que nos toca un momento de cambios ben rápidos, tanto a nivel social como dentro da Igrexa. Pero sinto que este é un momento ben fermoso e apaixoante; esté o momento, o “agora” no que co evanxeo na man, poñendo os pés ben na terra e o corazón no ceo, estamos chamados a reflectir o rostro máis fermoso dunha Igrexa que quere ser nai pobre, casa de todos, discípula e misioneira; unha Igrexa na que todos se sintan na casa e en familia.

Son consciente da miña fraxilidade no servizo que se me pide, e que terei que ir aprendendo convosco. Pregúntome qué sentido ten e por qué, pero tamén sei que neste momento é o mesmo Señor quen me está a invitar a soltar lastre, a saír e afrontar novos retos, a deixar que sexa El quen me leve por onde queira, como sempre fixo, e a confiar e confiarme plenamente nel. El é quen vai construindo a miña vida e quen sementa o Reino, e eu tan só un “axudante” nese labor; prégovos paciencia… contade con toda  a miña ilusión, paixón e entrega.

Anímame moito saber que todo isto o imos vivir xuntos. Incorpórome a unha Igrexa de longa tradición de homes e mulleres que viviron e viven a súa fe sementando evanxeo e construíndo o Reino. Non camiñamos sós, nin por libre: imos xuntos, en familia, axudándonos uns a outros, recibindo unha herdade de moitos séculos de vida, con grandes testemuñas da fe, que temos que seguir transmitindo. Todos, sacerdotes, consagrados, contemplativos, seminaristas, leigos… todos nos necesitamos e xuntos, faremos camiño. Invoco ao Beato Pedro González, o noso benquerido San Telmo, pedindo a súa intercesión e a da Nosa Nai María, a quen con tanta devoción e agarimo rezamos na nosa terra galega.

Agradézolle a Mons. Luis Quinteiro o seu traballo e entrega destes anos, así como a súa cercanía, cariño e calidez na acollida nesa diocese. Seguro que nel terei un pai e irmán que me axude neste ministerio.

Saúdo tamén, a todos cantos tedes algunha responsabilidade na vida pública desta terra. Desde a búsqueda do ben común e da colaboración mutua, seguro que poderemos traballar polo ben dos últimos e da Casa común.

Gustaríame pedirvos un favor: rezádeme desde este mesmo momento. Pedídelle ao Bo Pastor por min, e non deixedes nunca de facelo. Preciso de todos e cada un de vós, da vosa oración; contades xa coa miña. Axudádeme nesta nova etapa e tarefa desde o agarimo e a corrección fraterna, para que poida ser terra fecunda nas  mans do bo Deus.

Sempre xuntos, como irmán e amigo. Unha aperta grande.

 

Antonio Valín Valdés

Bispo electo de Tui-Vigo