3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Pai, envíanos pastores

Pai, envíanos pastores

Campaña do «Día do Seminario» 2024

Dentro duns días celebramos na nosa Diocese o «Día do Seminario». Sempre foi importante esta xornada diocesana. Nela, poñeremos de relevo na vida das nosas comunidades de fe o importante que é para nós a vocación e a misión dos nosos pastores.

Houbo unha época, xa afastada, na que as vocacións sacerdotais eran abundantes. Cada parroquia tiña o seu propio sacerdote e aínda vivimos coa idea de que isto é o normal. Con todo, co paso do tempo as cousas foron mudando ata o punto de que, hoxe, sentimos con certa angustia e desacougo a falta de sacerdotes para atender ás nosas parroquias.

Ter un bo pastor para os nosos fieis converteuse na urxencia prioritaria da Igrexa. Non só é unha preocupación dalgunhas dioceses moi secularizadas, senón a pedra de toque da misión evanxelizadora e misioneira de toda a Igrexa. Sen bos pastores a Igrexa sempre se sentirá orfa.

A nosa diocese de Tui-Vigo necesita novos pastores e esta é a súa máis decisiva preocupación pastoral. O bispo, os sacerdotes, relixiosos e consagrados, así como todos os fieis laicos temos que empeñarnos a fondo na tarefa de promover a vocación dos novos pastores do mañá. Isto non só depende de nós porque sen a axuda e a graza de Deus toda acción humana é incompleta. Sendo isto así, a nosa responsabilidade, con todo, é grave.

Penso que o que nos falla non é a preocupación polas vocacións sacerdotais. Todos, sacerdotes e laico, sentimos a urxencia de reparar esta carencia vocacional. E algunhas persoas están a entregarse sen reservas á pastoral vocacional. Os éxitos non nos están acompañando e temos que preguntarnos que estamos a facer mal.

É que Deus non segue chamando aos nosos mozos? Coñecemos, por experiencia de moitas persoas, que Deus segue a chamar tamén hoxe aos mozos; outra cousa é que teñan a convicción e a forza para dicir si á vocación sacerdotal.

Unha vocación consagrada e ao sacerdocio é un gran misterio. Sábeno ben quen algunha vez acompañaron á mocidade no seu proceso vocacional. Non é unha cuestión de método, sendo importante coñecer ben o itinerario; tampouco é unha cuestión de pericia, sendo importante coñecer as cousas do espírito. Axudar a alumar unha vocación é ante todo unha cuestión de fe, de oración e de infinitas horas de familiaridade e de acompañamento.

As nosas parroquias e as nosas comunidades cristiás teñen que poñer absolutamente no centro dos seus coidados a promoción e o acompañamento da vocación á vida cristiá. Non só no campo das vocacións consagradas e do sacerdocio, senón no campo mesmo da vocación á vida cristiá na mocidade, na vida matrimonial, na vida do compromiso social e político.

Cando unha persoa descobre e recoñece na súa existencia a presenza real de Deus, a súa vida cambia e ábrese a unha perspectiva radicalmente nova. Isto segue acontecendo hoxe na vida de tantas persoas que por providencia  de Deus atópanse con El.

Existen chamadas primeiras de Deus que se presentan, moitas veces case de súpeto, como un misterio insondable, pero existen sobre todo segundas chamadas que nos descobren o tesouro da fe que estaba agochado nas nosas vidas despois de moitos anos de rutina e de abandono.

Neste tempo están a acontecer moitas conversións de persoas que esqueceran a súa fe e que parecían afastadas para sempre. Nas nosas comunidades e parroquias acontecerán outras moitas segundas chamadas que renovarán a vitalidade da nosa Igrexa. Isto aconteceu en todas as épocas da historia e seguirá sucedendo. Pero non temos que esperar a que aparezan conversións fulgurantes como as de santo Agostiño ou a de Edith Stein. Nas nosas parroquias, temos hoxe aos que están chamados a renovar a vida da nosa fe e temos que espertalos.

De que sexamos capaces de suscitar segundas chamadas de Deus entre os nosos fieis, dependerá, en gran parte, o futuro das vocacións na nosa diocese.

Co meu afecto e bendición.

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo