3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

O efecto ser humano

O efecto ser humano

Campaña «Contra a fame» de Mans Unidas 2024

Desde hai máis de 65 anos, no mes de febreiro, Mans Unidas convoca a campaña «Contra a fame», para axudarnos a tomar conciencia da desigualdade que existe no mundo e, así, tratar de erradicar a pobreza, a fame e a miseria, creando un planeta no que se respecten os dereitos humanos. Grazas a esta campaña, no ano 2022, Mans Unidas apoiou a preto de 2 millóns de persoas, en países de África, América e Asia.

No ano 2024, a organización da Igrexa en España para a cooperación ao desenvolvemento pon o foco no cambio climático e, en concreto, en como a desigualdade ambiental afecta a millóns de persoas, sobre todo, do sur global, minguando as súas necesidades básicas. Mans Unidas convídanos a espertar os sentidos e comprometernos no coidado da casa común para que todos os seres humanos poidamos vivir con dignidade, fortalecendo «a conciencia de que somos unha soa familia humana» —tal e como expresa o papa Francisco na Laudato Si—.

Lembremos as palabras do salmista: «do Señor é a terra e cuanto contén»; unha terra que nos entregou para cultivar, dar froito e ser fecunda… En definitiva, o Señor chámanos a ser copartícipes da obra creadora, custodios da Terra, na que todos os seres humanos —como esa gran familia que soña o Santo Padre— poidamos vivir con dignidade, crecendo en amor ao próximo.

Hoxe, o problema do noso mundo é un problema de solidariedade. Podemos ter a tentación de vivir á marxe do que sucede, de durmirnos ante esta realidade de pobreza. Pero se abrimos os ollos, darémonos conta de que,  nas nosas rúas, na nosa contorna próxima, atopamos centos de rostros que se ven afectados pola desigualdade ambiental. Co lema «O efecto ser humano», Mans Unidas pon de manifesto que o home é o único capaz de reverter esta situación de desigualdade, que el mesmo propiciou.

Cada un de nós, cun xesto —aínda que sexa pequeno—, temos a oportunidade de cambiar a situación. Podemos, por exemplo, previr a mortalidade humana por inundacións, secas e tormentas que, entre 2010 e 2020, foi 15 veces maior nas rexións altamente vulnerables, en comparación coas rexións de moi baixa vulnerabilidade; ou tratar de garantir o acceso á electricidade que, neste momento, non chega a 733 millóns de persoas do planeta.

Xesús lémbranos no Evanxeo que Deus non se esquece da súa creación. Con todo, quere contar connosco para sandar esta Terra que, como diría san Paulo, «xeme e sofre dores de parto».  Con esta campaña «Contra a fame», Mans Unidas ofrécenos unha oportunidade para sumarnos ao cambio, porque o «efecto ser humano» pode destruír, pero tamén pode reconstruír a casa común na que estamos chamados a coexistir toda a humanidade.

Co meu afecto e oración.

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo