3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Frear a desigualdade está nas túas mans

Frear a desigualdade está nas túas mans

Mensaxe con motivo da campaña «Contra a fame» de Mans Unidas, 2023

Unha vez máis neste mes de febreiro, Mans Unidas chama á porta do noso corazón para espertarnos dos nosos esquecementos e lembrarnos algo tan dramático como que no mundo morren de fame, cada ano, 8,7 millóns de persoas e que os niveis de desigualdade no mundo non só non se recortan, senón que aumentan cada día máis.

No mundo segue aumentando o abismo que separa ás persoas máis ricas das máis empobrecidas. Agora ben, a mensaxe de Mans Unidas non queda nesta denuncia escandalosa, senón que nos convida, e esa é a súa gran misión, a facer un esforzo global no que todos e cada un de nós traballemos para combater esas dolorosas condicións de vida de tantos millóns de persoas e liberalos do xugo da fame e da pobreza.

Con frecuencia, a desigualdade preséntase na nosa vista con rostro alarmante na veciñanza das nosas casas. Por pouco que un se achegue a fogares necesitados da nosa contorna social, percibe os sinais dunha inxustiza lacerante. Na nosa proximidade hai persoas que viven pobremente e algunhas carecen do máis indispensable para vivir. Non é preciso afastarse das nosas rúas para ver esas realidades. Entre nós existen desigualdades escandalosas. Están aí, só hai que abrir os ollos para velas.

É moi sorprendente o modo como chegamos moitos de nós a afacernos a ver as desigualdades sociais como algo que non nos afecta. Isto ten que ver coa nosa maneira de ver o mundo e as persoas. Non miramos para os outros, mirámonos a nós mesmos en todo o que nos rodea. A tendencia do ser humano é a ensimesmarse nas cousas, facendo que diminúa ou desapareza a nosa responsabilidade ante as situacións máis graves. Sen unha ascese persoal seriamente asumida, a nosa comodidade faise dona da nosa vida. E o mesmo pasa na vida das nosas sociedades con consecuencias moi graves para os máis débiles e desherdados.

A desigualdade converteuse na maior ameaza e no maior desafío a nivel mundial. Pero hai algo peor e é que moitas persoas renunciaron a afrontar esta terrible realidade e pensan que a desigualdade e a fame no mundo son un reto imposible, un problema sen solución ante o que non se pode facer nada.

Mans Unidas dinos este ano, e cun compromiso sostido, que a solución ao problema da desigualdade e da fame no mundo está nas nosas mans. E lémbranos que, para facer fronte á desigualdade, todas as mans suman, todas contan e todas son necesarias.

O lema da campaña deste ano 2023 é «Frear a desigualdade está nas túas mans». Mans Unidas chámanos a cada un de nós a dar un paso adiante. A fame no mundo non é o destino fatal dunha humanidade sen futuro. Cada persoa ha de tomar conciencia de que o futuro da humanidade pasa pola súa vida. Só así terá sentido a vida do ser humano e será posible un mellor futuro para a humanidade.

Co meu afecto e oración.

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo