3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

A fe fortalece a vida

A fe fortalece a vida

Día da Igrexa Diocesana 2023

Día da Igrexa Diocesana, que se vai a celebrar o domingo do próximo 12 de novembro, convídanos a reflexionar sobre o lema «Orgullosos da nosa fe». Esta celebración chámanos a proclamar abertamente a fe nun contexto de opinión pública no que moitos cristiáns teñen un certo sentimento de vergoña por razóns pouco discernidas.

O mundo de hoxe está a vivir de maneira moi precipitada o cambio que é parte do seu propio ser. Desde que existe, o mundo viviu inmerso no cambio. Cambiar é o seu modo de ser. Unhas cousas pasan e outras novas nacen. Nese proceso, hai formas que deixan de ser para sempre e outras que se van adaptando ás novas aparencias das cousas que permanecen.

Hai máis de dous séculos que a cultura occidental deu por amortizada a relixión e a fe como vertebradoras da vida do home moderno. En tempos recentes parecía que ese obxectivo era alcanzable. Chegaría un tempo no que a relixión sería un modo de concibir a vida superado pola razón e a ciencia.

Contra todo prognóstico, a relixión e a fe seguen vivas e, nalgúns casos, máis fortes do esperado polos máis optimistas. Algo pasou desapercibido á mente racionalista.

É certo que nin a relixión nin a fe están a pasar os mellores momentos da súa historia, sobre todo se miramos ás súas formas exteriores. Con todo, neste longo proceso secularizador, a fe creceu en resistencia e mantense forte na vida de moitos homes e mulleres.

O aguante e a permanencia da fe non é só un fenómeno que ocorre en certas persoas próximas á vida do espírito, senón algo que ocorre no seo do pobo de Deus. Cada vez máis percibimos que os nosos fieis senten o valor insubstituíble da súa fe, que o gozo e a certeza de crer dan sentido ás súas vidas. Percíbense sinais certos de que pouquiño a pouco Deus volve outra vez a moitas vidas.

É evidente que algo moi novo está a acontecer no noso mundo e na Igrexa. Cada vez máis persoas reencóntranse con Deus despois de vivir procesos vitais autodestrutores. A nosa mocidade volve sorprendernos cando a Igrexa a pon en contacto con Deus. Aquela severa sentenza de que a relixión é o opio do pobo afástase no pasado e moitos homes e mulleres reencontran na fe a razón da súa existencia. Todos empezamos, de novo, a sentir que a fe non é o problema e que necesitamos recuperar a Deus como aquel que dá fortaleza e vigor para a vida.

Esteamos atentos, xa que logo, como lle recomenda san Paulo a Timoteo, ao bo combate da fe e conquistemos a vida eterna á que fomos chamados (1 Tim 6, 12).

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo