3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Diálogo coa mocidade tras a catequese impartida na PEJ22

Diálogo coa mocidade tras a catequese impartida na PEJ22

Que ocorre con esas persoas que o tentan de verdade, que queren chegar á meta e quedan no sitio, non conseguen chegar? Como lles dicimos que o Espírito Santo segue estando? Que podemos dicirlles?

Onte estaba eu paseando nunha zona da cidade de Vigo, por un montículo que hai por alí e soa o meu teléfono. Era un amigo que vive en Ourense e que ten un problema dunha depresión tremenda. Está nun momento da súa vida xa maior e díxome por teléfono: «Luís, non podo máis. Teño un día aciago. Isto non funciona, estou destruído». Eu díxenlle: «Gonzalo. Ti sabes que na vida nunca se pode dicir que é o final. Hai que loitar. Tes que loitar. E tes que loitar porque tes que seguir adiante. Tes unha familia, tes xente ao teu lado que te necesita, pero ademais ti necesitas seguir adiante». E el díxome: «si, pero estou moi destruído». Entón eu díxenlle: «mira, o primeiro que tes que facer é crer que ti es capaz. Aceptar a realidade de que estás mal, pero que non é o final. E tes que empezar a quererte un pouco máis e coidarte un pouco máis».

Eu creo que, na vida, é moi importante ser realistas connosco mesmos porque cando ti parece que estás no final, o que estás é rexenerándote para poñerte ben. Hai unha pasaxe dunha obra de Hegel que se chama A Fenomenoloxía do Espírito, e el di que, na vida do espírito, hai un momento en que o suxeito vive unha experiencia de fracaso total, como un enfrontamento entre o amo e o escravo. Trátase dunha cousa que logo tivo moitas consecuencias na filosofía moderna. Di el: o que sofre ten ao seu favor que traballa e o traballo sempre produce algo novo. Xa que logo, unha persoa cando está machucada, destruída, abaixo, se aguanta e fai un pouco de esforzo, termina saíndo sempre, porque Deus está aí.

Polo tanto, ti a unha persoa que está a vivir un momento terrible na súa vida primeiro dislle: «non te desesperes. Non te veñas abaixo. E cun pouquiño de esforzo que fagas, sairás para arriba». Porque a vida é así, está composta de momentos bos e malos; os momentos malos xeran os bos e nos bos, se te descoidas, volves aos malos. Xa que logo, o que está abaixo, que non se preocupe, sairá para arriba, pero o que está arriba que tampouco se vanglorie porque pode baixar. Iso di San Paulo moi ben: nin fame nin nada, ter a Cristo claro na nosa vida é o fundamental. A unha persoa que pretende cambiar a súa vida, eu dígolle: confía en Cristo e confía nas túas enerxías, porque aí está a falar Deus a través da túa vida, as túas calidades, as túas capacidades, o teu aguante.

Polo tanto, nestes días, é moi importante que vós marchedes de aquí cunha conciencia clara da vosa valía. Tedes grandes calidades e iso é unha parte fundamental da vosa vida que, ás veces, non descubristes aínda. Hai que descubrila! Existen persoas que din: «eu non vallo nada». Non, ti vales moito, tes que descubrilo. E iso conséguese fundamentalmente no contacto cos demais. Os demais descobren que ti es unha persoa valiosa. É moi importante saír de aquí coa conciencia de que sodes persoas valiosas para Deus e para os demais. Moi valiosas. As persoas que están ao noso lado son tesouros que non sempre valoramos.

Vós pasastes todos os días xuntos, fóstesvos coñecendo pouco a pouco, valorades o que é cada persoa. Dádesvos conta do que valen os demais, da riqueza que temos entre nós, a pesar de que ás veces non somos conscientes, non a descubrimos. Saíde de aquí, de Santiago, coa conciencia de que valedes moito.

Daquela: que vedes problemas, que hai dificultades, que te vés abaixo, si, pero ti tes a capacidade, porque cha da Deus, para levantarte. Por iso esta Igrexa vai seguir adiante. Esta Igrexa que está con problemas agora mesmo sairá adiante porque dentro da Igrexa hai tesouros, xente con moita valía que ten que saír adiante. Os santos foron así ata que un día descubriron que podían axudar e axudaron heroicamente.

 

Como nos afecta o Espírito Santo a nós? Se ao final as persoas temos libre albedrío, é dicir, podemos tomar as nosas propias decisións tanto boas como malas, como podemos saber ou intuír en que momento o Espírito Santo actúa sobre nós?

Cuestión complicada. Atinastes. Vexo eu que estes grupos veñen moi preparados para pensar. Esta é unha cuestión que a sociedade non se dá conta. Vós pensades moito e ben.

A gran pregunta: que é o Espírito? Onde está o Espírito? Que é o que o Espírito nos trae? Cales son as nosas fantasías, as nosas teimas? O papa Francisco toca este problema do mundo actual dunha maneira clara, case maniaticamente, volvendo unha e outra vez, sobre unha palabra, un concepto, unha experiencia que é clave na vida: o discernimento.

Que é discernir? Discernir é ver onde está o bo e o malo; onde está o auténtico e o falso; onde está o Espírito e onde están as voces do mundo. A Igrexa ten que empeñarse hoxe nese discernimento ao que nos convida o papa Francisco. Para iso, a Igrexa conta con pastores, con homes que acompañan ás persoas, con sacerdotes, con xóvenes que guían a outros xóvenes e con xóvenes que, no camiño de vosa propia vida, ides convertendo en mestres do discernimento.

O discernimento é un proceso que hai que aprender, pero hai que aprender escoitando. Antes de que un poida axudar a discernir, necesita ser capaz de deixarse discernir. Isto é moi importante nestes días porque ides ter preguntas, cuestións, ás que daredes voltas unha e outra vez; por iso necesitades buscar a alguén que vos axude a discernir. Quen pode ser? Alguén que coñezades, que vos acompañe: un confesor, un mestre de espíritos, un xoven ao teu lado con experiencia.

Na Igrexa tamén existen eses ámbitos do discernimento, que non hai que esquecer: son os ámbitos sacramentais, ámbitos de consello que debemos de telo moi en conta. Por iso, na Igrexa cada día será máis importante que haxa conselleiros espirituais, mestres da oración, mestres espirituais. A Igrexa necesita iniciar procesos, procesos de discernimento.

Para que un xoven discirna o que é propio da súa vida, o que Deus lle pide, ten que vivir un proceso de acompañamento, pero ás veces fáltannos eses acompañantes. Eu nótoo na miña diocese: faltan acompañantes que, á súa vez, se deixen acompañar, é dicir, xente que foi ela mesma discernida.

Tocaches un problema clave. O problema de hoxe é saber que estás nun proceso que te leva a atopar o camiño de Deus confiadamente, que non te metes nunha aventura, que non vén un atoleirado e que che di catro cosas. Por iso nosa Nai, a Igrexa, é tan importante e confiar na nosa Nai, a Igrexa, que che fala desde a experiencia a través da experiencia de comuñón da Igrexa. Son experiencias contrastadas e iso é a Igrexa. Por iso, vós estades aquí agora nun encontro de Igrexa, no que debería haber xente que vos axude a discernir; do contrario, isto é algo insubstancial.

A Igrexa é discernir a vontade de Deus camiñando xuntos. O papa Francisco dinos que temos que aprender a camiñar xuntos buscando a luz do Espírito. Aquí estamos nese momento clave, pero necesitamos xente que nos axude a discernir.

Ti levántaste pola mañá e atopas mil opcións e tes que tomar decisións na túa vida, non podes estar indeciso, pero para tomar unha decisión hai que ter a garantía de que vas polo bo camiño e contrastalo. Na sociedade civil, canta xente hai que, para dar un paso, pide conselleiro dun lado e doutro lado, párase en cuestións materiais? A cuestión fundamental é o sentido da nosa vida, que é o sagrado da nosa vida! Non podemos xogárnolo de calquera xeito e iso os mozos e mozas sabédelo; por iso non vos fiades de calquera persoa.

 

Podemos saber se o Espírito Santo está a axudarnos a tomar mellores decisións a través doutras persoas como, por exemplo, consellos de guías espirituais?

Claro que o podemos saber. Se estamos na Igrexa, si o podemos saber. Un dos problemas máis graves que ten agora a nosa Igrexa é que a Igrexa é pecadora, pero, a pesar diso, é fonte de confianza. A sociedade de hoxe pretende romper a capacidade de confianza que ten a Igrexa.

Na Igrexa pódense facer procesos de discernimento que están absolutamente garantidos. Ti estás na túa diocese; tes un bispo, uns sacerdotes, unha comunidade, unha parroquia… todo iso axúdache a tomar decisións na túa vida e se a fas nese contexto de comuñón da túa Igrexa, iso é verdade, porque a realizas na comuñón da túa Igrexa, onde están os teus pais, os teus catequistas, o teu párroco. Iso feito así, é verdade.

Tende a valentía de seguir estes procesos porque é moi importante. Todos nós temos que rezar para que a Igrexa siga sendo aquela na que Xesús puxo a confianza total para esta misión. Por iso temos que coidar tanto da Igrexa. A Igrexa é o camiño de Xesús; xa que logo é importante que non nos perdamos e lembremos que a Igrexa é unha institución divina, aínda que ás veces a xente pense que se trata dunha institución humana.

 

Durante este camiño tivemos moitos momentos a soas, onde nos xurdiron moitas dúbidas respecto a nós mesmos e á fe. Queriamos saber se, nalgún momento da súa vida, tivo unha crise de fe, como saíu dela? É dicir: que fixo para volver confiar, a estar seguro da súa fe?

Eu non tiven unha, senón bastantes crises, pero creo que a crise é parte esencial da vida. Por tanto, non hai nada na vida que non se forxe nas crises. Por tanto, na fe —iso dino os grandes teólogos— a dúbida é parte da fe.

O que sucede, desde a miña experiencia, cando es novo tes unha experiencia de Deus. Despois a vida vaicha sometendo a crise e vas adquirindo outra experiencia de Deus, ata que chegas á idade que teño eu para darte conta de que che quedan pouquiñas cousas humanas; daquela tes que entregarte a Deus dunha maneira elemental, moi sinxela.

Unha das cousas que vas aprendendo coa vida é que non é o razoamento o que che dá a forza da fe. Razoar non é o camiño da fe. A fe é algo tan sinxelo, tan sublime, tan marabilloso, que acontece por gratuidade de Deus. E cando dicimos que a fe é unha graza de Deus, é que non nos damos conta de que dicimos a auténtica verdade: a fe é un agasallo de Deus que non ganas ti por razoar e por darlle voltas ás cousas. O filósofo Luís Vives, un home agnóstico e promotor do positivismo lóxico, dixo: «eu non acepto nada que non se poida probar. Todo o que non se poida probar non é linguaxe humana». Só aceptaba as proposicións empíricas que se puidesen probar, polo que creou un sistema para defender a súa teoría, pero logo publicou un libro no que expresou que, unha vez resoltas todas as premisas, todas as cuestións empíricas, queda o fundamental, que é o sentido da vida.  Aí xa entramos no campo da mística, explica este filósofo, é dicir, hai un terreo, hai un espazo da vida no cal ninguén, ningún científico, ningún empirista… ninguén pode entrar. E nese terreo xógaste a vida: é o terreo da graza, do Espírito. É o terreo no cal ti te abres, ou non, desde a túa liberdade.

Eu estou aquí porque a fe dáme paz. E nesa paz que ti tes está a voz de Deus. Ti poderías empeñarte en facer máis preguntas, pero non conseguirías nada. Unha cousa é que a fe teña que ser razoable, pero crer que a fe se fundamenta na razón é unha equivocación total. Xa que logo ninguén deste mundo pode dicirche nada contra a fe. E estamos nunha posición verdadeiramente marabillosa porque noutros tempos a xente tiña complexo ante a idea de que os teóricos —matemáticos, físicos, científicos— che rebatesen a fe. Agora non che poden rebater nada porque é un terreo no que quedas ti e Deus sos, ti e a vida, ti e o misterio… E nese campo quen te conduce? A graza de Deus.

Se cadra algún di: «condúceme a casualidade». É a túa decisión, pero aí é onde se xoga, neses momentos decisivos, a vosa vida. Dicías ti: «eu teño a paz que busco na vida». É o que atoparon os homes máis crentes que buscaban a Deus.

San Agostiño, que era un xenio, dicía: «canto máis entro en min mesmo, máis me atopo con Deus». Deus está realmente no máis íntimo de min mesmo. Por iso, entrar nun mesmo é o camiño. Sé libre e nesa liberdade aparecerá Deus, pero nunca peches a túa liberdade.

 

Ao principio comentaba que a Igrexa necesita unha renovación, pero cremos que para unha renovación é necesario, un pouco, a mocidade. Como pode a Igrexa mostrarse máis próxima á xuventude de hoxe en día?

Toda a miña vida vivín nesa dinámica, é dicir, escoitando que a Igrexa ten que facer caso aos xóvenes. A verdade é que non o conseguimos ben aínda. De aí que estes días sexan tan importantes.

Eu teño unha teoría: estar á beira da xuventude para moita xente é incómodo. Por que? Porque os xóvenes non queren diñeiro. Non queren cousas estrañas. Queren a túa compañía. Se ti lle abres o corazón a un xoven, vén a ti. Búscate e búscate cando estás deitado ou cando estás de paseo. E quérete. Necesítate. Por iso, para moita xente os xóvenes poden ser un estorbo. Esa é a miña teoría.

Por que moitos curas non están preto da mocidade? Porque se queren máis a si mesmos que aos xóvenes. Para un pastor, para un sacerdote, para un catequista, os xóvenes traen unha riqueza inmensa, pero hai que entregarlles a túa vida. É o único que piden: o teu agarimo, a túa proximidade, máis nada que iso e hai que dalo. Xa que logo o máis difícil que hai neste momento da historia, quizais desde sempre, é dar o noso tempo. A xente é avara do seu tempo. Por que non hai aquí máis sacerdotes convosco? Porque queren estar de vacacións, e non os culpo. Ti pídeslle a alguén unha cousa e déixacha, pero dislle: «pode estar vostede comigo unha hora?» Non, porque están ocupados.

O que necesitades os xóvenes é tempo. A Igrexa necesita darvos tempo e o espazo para que vós esteades aí como protagonistas porque sen xuventude non hai cambio. Non só aquí senón tamén na política, en calquera outro campo.  Sen xóvenes non hai cambio porque as persoas, a medida que imos crecendo e nos imos asentando na vida, facémonos cómodos, conservadores. É unha tendencia da vida que, cando unha persoa chega arriba, non quere moverse.

A mocidade tendes que empuxar e buscar o voso sitio. A Igrexa ten que dicir menos que necesita aos xóvenes e abrir máis espazo aos xóvenes na vida das persoas. Por iso tedes que valorar tanto a estes sacerdotes, a estes catequistas, que vos acompañan porque vos dan a vida e iso é o decisivo. Por tanto, a Igrexa terá —como algo urxente— que abrirnos as portas ao protagonismo dos colectivos.

Sodes a esperanza. É algo tan absolutamente elemental que todo pasa pola mocidade, é así a vida. A mocidade buscades cousas importantes e éncheme de consolo, cando me dou conta diso.  Os xóvenes levades dentro algo que é a pulsión da vida e, por tanto, buscades os grandes ideais. Hai momentos en que non, porque tamén hai que ser conscientes de que necesitades divertirvos, pero levades dentro unha pregunta, unha ilusión, un esforzo. Por iso estades aquí, en Santiago, se non estariades noutra parte.

 

 

As preguntas e respostas aquí escritas sexan transcrito grazas á gravación realizada e publicada na canle de Youtube da diocese de San Sebastián: https://www.youtube.com/watch?v=oq9Hxdwn6Gs. Tentouse manter a literalidade das palabras do bispo, pero adaptando o diálogo oral ao texto escrito.