3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Carlos Estévez: «Saio da JMJ renovado, cheo de graza e con ganas de compartir  a alegría de Deus co mundo enteiro»

Carlos Estévez: «Saio da JMJ renovado, cheo de graza e con ganas de compartir  a alegría de Deus co mundo enteiro»
Foto: Carlos Estévez, tudense de 16 años, participó en su primera JMJ en Lisboa

Son Carlos Estévez Villar, un tudense de 16 anos que xunto con outros mozos da Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo acaba de vivir a súa primeira Xornada Mundial da Mocidade. A continuación, vou contar o meu testemuño sobre a gran experiencia que tiven a oportunidade de gozar en Lisboa.

A miña familia sempre estivo moi ligada á JMJOs meus pais coñecéronse e namoraron na de Toronto 2002 e participaron en moitas outras. Por esta razón, desde pequeno sempre desexei poder asistir a unha e tiña moitísimas expectativas acerca do evento e mesmo medo de que non fose tan marabilloso como esperaba. Pero, pola contra, foi moito mellor.

Para prepararnos, tivemos un encontro parroquial no Algarve, máis concretamente en Faro, no cal estabamos as dioceses de Tui-Vigo, Lugo e os nosos —­agora— amigos de Cluny de Pozuelo. Para os que saiban de fútbol, isto foi como unha pretemporada para o que se viña en Lisboa, pero non creades que foi pouca cousa, foi alucinante. Puidemos gozar de adoracións, concertos, praia, momentos preciosos de oración, turismo, xincanas, actividades de intercambio cultural e, por suposto, as misas diarias que foron marabillosas en boa parte grazas ao gran equipo de animación. Para pechar o relato de Faro, gustaríame destacar as dúas cousas que máis me gustaron: primeiro, a amabilidade e disposición dos voluntarios portugueses, que nos servían cun sorriso de orella a orella. E segundo, a gran familia que formamos neses días, chegando realmente a esas relacións fraternais que tanto lle gustan ao noso Pai. E é que en Faro eramos todos irmáns.

Logo, penetrámonos en Lisboa e a cousa complicouse, a cidade estaba desbordada. Moverse pola cidade facíase moi difícil: para comer había que esperar horas ao sol facendo cola e a temperatura subiu a uns graos que provocaron mareos e deshidratacións. Foi ante estas condicións cando realmente vin a maxia da JMJ, a xente non se queixaba, pola rúa só se vían sorrisos, compartiamos todo o que tiñamos e coidabamos aos que máis o necesitaban, chegando mesmo a descoidar a saúde propia para mellorar o estado do outro. Era como unha utopía, un ambiente de puro amor e solidariedade e é que todos estabamos cheos do Espírito Santo. Verdadeiramente Deus estaba connosco, notábase por todas partes e nunca nos deixaba sós.

Para continuar, na semana da JMJ pasamos momentos que quedarán sempre na miña memoria como o «Encontro de españois», as catequeses —encontros «Rise Up»— coas que tanto aprendemos, o concerto de Hakuna no que rezabamos mentres cantabamos ou a visita á Cidade de Alegría. Pero o que superou todo foron os momentos de escoita, oración e aprendizaxe xunto ao Papa. Pareceume un home excepcional e cunha oratoria fóra do común. Coas súas palabras, logrou inspirarnos e ilusionarnos e interioricei cousas fundamentais como que na Igrexa cabemos todos, que Deus ámanos a cada un polo noso nome ou que sempre hai que dar grazas —sobre todo, ás nosas raíces—.

Para terminar, recomendo esta experiencia a todo o mundo algunha vez na vida. Literalmente pasei os mellores días da miña vida; coñecín a persoas que agora son moi importantes para min, ata o punto de consideralos familia; tiven o meu encontro persoal con Deus e sentino no meu corazón e na mirada dos demais; e, por último, saio da JMJ renovado, cheo de graza e con ganas de compartir a alegría de Deus co mundo enteiro.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp