Esta mañá, o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza, presidiu a toma de posesión dos novos cargos da Xunta Directiva de Cáritas Diocesana na súa sede situada en García Barbón. Os nomeamentos —Secretario Xeral e Administrador da institución e da empresa de Servizos Comerciais de Inserción— foron publicados na web diocesana o pasado luns, 4 de xaneiro.
A partir deste intre, Alfonso Moreno, avogado en exercicio da nosa cidade e especialista en temas tributarios, exercerá como Secretario Xeral, substituíndo a José Antonio García.
O lugar de Manuel Expósito, ata o de agora Administrador de Cáritas, ocuparao Miguel Ángel Mazorra que tamén se responsabilizará da parte administrativa da empresa Servizos Comerciais de Inserción, encargada de xestión do proxecto téxtil.
Mons. Luís Quinteiro agradeceu o labor realizado por Manuel Expósito e Antonio García que, durante oito anos, colaboraron como voluntarios en Cáritas Diocesana, e felicitou ás novas incorporacións da Xunta Directiva de Cáritas, desexándolles o mellor. Posteriormente, o pastor da Igrexa de Tui-Vigo bendixo as instalacións da nova axencia de colocación —sita na rúa do Casco Lanuxe, Eduardo Chao 10— que leva activa varios meses realizando labores de intermediación laboral a través do equipo de Emprego.