3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

A Franqueira, lugar de encontro

A Franqueira, lugar de encontro

A parroquia-santuario da nosa Señora da Franqueira acolleu a romaría das Pascuillas que, ao longo de todo o día, congregou ao redor de 30 mil persoas que acudiron a realizar a súa ofrenda ante a virxe da Franqueira. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a eucaristía solemne na que participou un gran número de fieis, xunto a 60 imaxes de diferentes parroquias —de dentro e fóra— da diocese de Tui-Vigo que quixeron render culto á virxe.

Unha década transcorreu desde que a parroquia de Santa María de Oroso  na Cañiza, peregrinou por primeira vez ao santuario da Franqueira, ao que, este ano, acudiron como oferentes, portando un ramo creado con cintas e lazos que representa a tradición e os obsequios que os seus antepasados entregaron como pregaria á virxe. Xunto a este ramo, a comunidade de Oroso  agradeceu a María o don da fe e pediu a súa intercesión para que acompañe ás xeracións futuras.

Tal e como manifestou Mons. Luís Quinteiro durante a celebración litúrxica, «hoxe, é un día de reencontro con Deus, con María, cos irmáns e connosco mesmos», para así tamén «renovar a nosa fe, sentirnos preto de Xesús, vivir o seu Evanxeo, seguir a súa chamada e ser fieis á nosa fe, pero para seguir a Xesús temos que ir con María». Neste sentido, o prelado tudense expresou que «María é o exemplo perfecto dun discípulo de Xesús; por eso, temos que descubrila como a criatura fermosa que el creou». A ela, á virxe, nai de Xesús e nai da humanidade, Mons. Luís Quinteiro elevou unha oración: «axuda aos nenos para crecer con forza e con dignidade, con esperanza e con forza moral. Axuda aos nosos mozos para ser modelo dunha sociedade nova. Axuda ás familias para sentirse de novo xuntas no amor. Axúdanos a todos, especialmente, aos maiores, nesta idade na que parece que xa non temos nada que facer».

Antes de a bendición final, Teodomiro González, párroco de Santa María de Oroso  desde hai 65 anos, agradeceu o agarimo de todas os fregueses que lle acompañaron durante todo este tempo á fronte desta parroquia da Cañiza.

A climatoloxía non permitiu a procesión das sesenta imaxes desde o Outeiro ata o atrio do santuario, pero a ameaza de choiva non impediu que as imaxes percorresen o interior da carpa instalada para render homenaxe e culto á imaxe de pedra da nosa Señora da Franqueira. Así, finaliza un encontro no que se renovaron forzas e ilusión para fortalecer o espírito de comuñón das comunidades parroquiais da diocese de Tui-Vigo, ata o próximo ano.

Romería das Pascuillas
Facebook
Twitter
Email
WhatsApp