3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Decembro de 2019: “Advento”

Decembro de 2019: “Advento”

Chega o Advento coa súa mensaxe de conversión e esperanza. A conversión cristiá non é só unha esixencia moral senón a chamada gozosa a poñernos o vestido novo para a festa que vai comezar. Non ten sentido a conversión sen a nova realidade que nos introduce na esperanza.

O Advento é o camiño verdadeiro cara o Nadal. Todo o que de verdade paga a pena hai que acollelo e disfrutalo. O Advento convídanos a vivir con profundidade o formidable desexo de salvación que todos levamos dentro. É a experiencia máis auténtica da esperanza cristiá. E só a vida, como dixo Nietzsche, pode colmar a esperanza. No nadal celebramos a Vida que dá sentido a toda esperanza.

Vivimos os cristiáns a vida? Axudamos os cristiáns a vivir a vida?

Ao comezo da Encíclica “Deus caritas est”, o Papa Bieito XVI plantéxase unha das máis duras críticas do pensamento moderno á relixión cristiá: “o cristianismo, non converte acaso en amargo o máis fermoso da vida? Non pon quizais carteis de prohibición precisamente alí onde a ledicia, predisposta en nós polo Creador, nos ofrece unha felicidade que nos fai pregustar algo do divino?”

O perigo que hoxe ten a fe cristiá de esquecer a celebración da vida, advertiuno coa súa habitual lucidez o Papa Francisco cando nos convida a diario a vivir a alegría do Evanxelio.

Os cristiáns non podemos perder a alegría da vida. Ese foi sempre o sinal dos seguidores de Xesús: deixábano todo para seguirlle.

Penso que non serán moitos os que hoxe poidan dicir que a Igrexa vai contra o máis fermoso da vida. Nembargantes, debemos preguntarnos se os cristiáns somos hoxe un testemuño claro e transparente da alegría da vida. Temos que comezar pola nosa propia vida, sen atormentarnos demasiado. Só a experiencia dunha ledicia profunda dá forzas para crer e axudar a crer.

O tempo de Advento pon ante nós os camiños da esperanza humana en tódolos tempos. E o Nadal celebra a encarnación da Vida que da resposta a toda esperanza.

Dun ou doutro xeito, neste Advento sentiremos que a vida nos presenta unha nova oportunidade para deixarnos interrogar polo sentido da nosa existencia. Con esta ocasión, e á espera do próximo Nadal, agradeceremos e desfrutaremos do marabilloso don da alegría de vivir.

Este é o meu desexo para todos: que vivades e creades con alegría

+ Luis Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo