3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

O 13 de maio, o bispo lembra aos sacerdotes que hai que vivir o sacerdocio dentro da Igrexa

O 13 de maio, o bispo lembra aos sacerdotes que hai que vivir o sacerdocio dentro da Igrexa
FOTO.- Los sacerdotes que celebran sus bodas de diamante, oro y planta, junto al obispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro | © Diocese de Tui-Vigo

Cada ano, o 13 de maio, os sacerdotes da diocese de Tui-Vigo congréganse  na cidade tudense para renovar con gozo a consagración do Seminario ao Sagrado Corazón de Xesús e homenaxear a aqueles presbíteros que, ao longo do ano, celebrarán as súas vodas de diamante, ouro e prata. En concreto, este ano, foron sete os sacerdotes homenaxeados, así como o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, que celebra 25 anos da súa ordenación episcopal.

A xornada comezou coa conferencia impartida polo sacerdote Antonio Ávila Blanco, licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Teoloxía catequética pola Universidade Pontificia de Salamanca, que abordou diferentes propostas de futuro para superar o desgaste e o cansazo do clero. Durante a súa intervención manifestou que a fraternidade é durísima, pero é o camiño para madurar e crecer como persoas e sacerdotes, facendo vida e concreción as palabras de Xesús no horto de Getsemaní: «que todos sexan un».

Tras a conferencia, os sacerdotes tiveron a oportunidade de ensaiar o himno ao Corazón de Xesús, baixo a dirección do prefecto de Música da catedral de Tui, Daniel Goberna. A diferenza do texto co que se renova a consagración ao Sacro Corazón de autoría descoñecida, a letra do himno foi composta polo poeta e bispo Mons. Manuel Lago González, musicada polo mestre de capela da catedral de Tui, Martínez Pose, pensado para orquestra e para un coro de cinco voces. Daniel Goberna destaca que «grazas ao entusiasmo, a paixón e o agarimo que permanece no corazón de moitos sacerdotes podemos seguir cantando este himno, ano tras ano, aínda que sexa cun pequeniño ensaio».

O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a eucaristía no templo parroquial de santo Francisco, anexo ao Seminario Menor de Tui, acompañado polos sete sacerdotes homenaxeados, polo profesor Ávila Blanco —que este ano tamén celebra as súas vodas de ouro— e por numerosos sacerdotes diocesanos. Durante a súa intervención, o prelado tudense subliñou a importancia da relación con Deus para a misión sacerdotal e expresou que «temos que  tentar vivir o noso sacerdocio dentro da Igrexa, coa Igrexa e na Igrexa, sentíndonos ademais arroupados por ela, porque na Igrexa un nunca está só». Mons. Luís Quinteiro finalizou dando grazas a deus «por aprender convosco, porque me sentín moi irmán, moi querido. Hoxe estou feliz, porque pertenzo á Igrexa que é a miña nai e o meu camiño».

Desde o templo, sacerdotes e fieis procesionaron coa forma eucarística ata o claustro do Seminario, onde renovaron a consagración ante a imaxe do Corazón de Xesús, como veñen facendo desde hai máis dun século. Alí, ante esa imaxe, os sacerdotes, mozos e maiores, unen as súas voces para entoar o himno composto por Mons. Lago.

A xornada finalizou cunha comida de confraternización na que se entrega un pequeno obsequio en recoñecemento pola fidelidade e perseveranza a eses sacerdotes que celebran as súas vodas de diamante —Antonio Estévez, Jesús G. Villadóniga, José Luis R. Grande e Julio Montero—, oro —Anxo Marzoa, ao que tamén se sumou o profesor e sacerdote Antonio Ávila— e prata —Francisco José Cabaleiro e Manuel Lage—. Nesta ocasión, sumouse á homenaxe o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, polos seus 25 anos de episcopado. 

Celebración de las bodas sacerdotales y la renovación del Seminario al Corazón de Jesús 2024 | © Diocese de Tui-Vigo
« de 17 »

Testemuños dalgúns dos sacerdotes homenaxeados

Entrevista ao bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, 25 aniversario de ordenación episcopal

Entrevista a Francisco José Cabaleiro, bodas de prata, e Julio Montero, bodas de diamante

Entrevista a Ángel Marzoa, bodas de ouro

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp