3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Nota dos bispos da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela con motivo da campaña de sensibilización para a matriculación na materia de Relixión Católica

Nota dos bispos da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela con motivo da campaña de sensibilización para a matriculación na materia de Relixión Católica

Os bispos da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela escribiron unha carta con motivo da campaña de sensibilización para a matriculación na materia de Relixión Católica que, tal e como resaltan, «ten como obxectivo a educación integral do alumnado, tanto a nivel de cultura relixiosa, como a nivel de valores», así como unha «dimensión de acompañamento persoal, que axuda ao alumnado para crecer en todos os seus ámbitos: humano, espiritual, cultural e ético».

Con esta carta, os bispos animan a pais e nais a matricular aos seus fillos na materia de Relixión, xa que «non soamente axudaralles a crecer como cristiáns, senón tamén como persoas». Ao mesmo tempo, reiteran o seu «agradecemento e apoio aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións».

Queridos pais e nais

Saudámosvos de novo, a vós e a toda a comunidade cristiá, con motivo da Xornada Diocesana sobre o Ensino Relixioso na Escola, neste tempo no que se abre o proceso de matriculación para o próximo curso escolar 2023/2024.

Como ben sabedes, todos os centros educativos teñen obrigación de ofertar esta materia e, vós como pais, tedes a opción de escollela.

Sendo conscientes de que a nosa sociedade actual vive nunha profunda crise de valores e que a presenza da Relixión no ámbito público quérese silenciar cada día máis, é especialmente importante que, como cristiáns, fagamos valer o noso dereito para estar presentes nas aulas, e iso soamente é posible se existe demanda da materia.

A materia de Relixión ten como obxectivo a educación integral do alumnado, tanto a nivel de cultura relixiosa, como a nivel de valores. Así mesmo, é importante a súa dimensión de acompañamento persoal, que axuda ao alumnado para crecer en todos os seus ámbitos: humano, espiritual, cultural e ético.

A misión da materia, así mesmo, é ofrecer un coñecemento crítico e maduro da fe cristiá, no marco dun diálogo interdisciplinar entre o Evanxeo e a cultura humana, á poboación en idade escolar, pretendendo que a mensaxe cristiá, que é o que fragua a nosa cultura, forme parte da formación que os vosos fillos e fillas reciben no colexio e no instituto.

Vós, como pais e nais, asumistes no momento do bautismo dos vosos fillos a responsabilidade de educalos na fe. Para facilitarvos este compromiso, ademais da educación cristiá que lles ofrecedes en casa, a Igrexa pon á vosa disposición o ensino relixioso escolar, cun profesorado doutrinal e pedagóxicamente formado, como complemento da vosa irrenunciable responsabilidade educativa e expresión do dereito, como pais, a educar aos vosos fillos conforme ás propias conviccións e crenzas.

Animámosvos, pois, a que matriculedes aos vosos fillos na materia de Relixión, xa que non soamente axudaralles a crecer como cristiáns, senón tamén como persoas.

Co noso agradecemento e apoio aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

+ Francisco José, arcebispo de Santiago.

+ Luís, bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, bispo de Lugo.

+ José Leonardo, bispo de Ourense.

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp