3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Máis de 700 persoas marcaron por primeira vez a cuadrícula da Igrexa na diocese de Tui-Vigo

Máis de 700 persoas marcaron por primeira vez a cuadrícula da Igrexa na diocese de Tui-Vigo

A diocese de Tui-Vigo quere agradecer un ano máis o compromiso de todas as persoas que colaboran con ela no seu labor de difundir o Evanxeo e promover a dignidade do ser humano, marcando a “X” a favor da Igrexa católica na súa declaración da renda. Ao mesmo tempo desexa informar que o pasado ano sumáronse 48.131 declaracións con asignación ao seu favor, é dicir, 723 novos apoios máis que o exercicio anterior, o que supón en conxunto máis de 2 millóns de euros —2.001.042—, que os contribuíntes desta diocese achegan ao desenvolvemento das actividades pastorais e asistenciais da Igrexa.

Nun exercicio de transparencia que é habitual nesta diocese, dáse conta así mesmo dos principais investimentos realizados durante o mesmo ano 2021e que, segundo os datos publicados o pasado mes de novembro na revista da Conferencia Episcopal Xtantos, revelan que a Diocese logrou atender a máis de 25 mil persoas a través dos diferentes centros de atención social e caritativa que conforman a institución eclesial. Isto, en parte, foi posible grazas ás 47.408 declaracións a favor da Igrexa na delegación viguesa —en 2020— que supuxeron un total de 1.608.137 euros.

Aínda que os efectos da prolongada pandemia da Covid-19 provocaron grandes cambios na realidade eclesial, pastoral e social, iso non foi un impedimento, senón máis ben un acicate para que a Diocese de Tui-Vigo se fixese presente alí onde máis se necesitou a través das súas 276 parroquias. En realidades rurais, os equipos de Cáritas son o motor que contribúe, non só a paliar as necesidades materiais máis inmediatas, senón a desenvolver un labor indispensable no ámbito social e comunitario. Exemplo diso é a parroquia de Soutomaior que, durante o ano 2022, creou un equipo de Cáritas co obxectivo de combater a soidade que poida haber na parroquia a través de talleres lúdicos, de risoterapia ou de mellora da capacidade cognitiva da súa poboación diana.

No ámbito pastoral, cabe destacar o labor que a Igrexa desenvolve no acompañamento de familias, nenos e mozos que acoden semana tras semana á catequese dominical; labor que pode levar a cabo grazas aos máis de 500 catequistas segrares, presentes no territorio diocesano. Paralelamente a esta actividade, a diocese de Tui-Vigo ofrece un servizo de catecumenado para persoas adultas que desexan recibir os sacramentos de iniciación cristiá: Bautismo, Comuñón e Confirmación. En novembro de 2022, Sara Suárez recibiu estes sacramentos na parroquia de Santa Mariña de Cabral, tras un ano de formación durante o que se sentiu, explica, «moi a gusto e moi acollida».

Todas estas accións foron e continúan a ser posibles grazas á colaboración de miles de persoas que, marcando a cuadrícula correspondente na súa declaración da Renda a favor da Igrexa, fan unha aposta sincera por esta, tal e como se mostra e vive na Diocese de Tui-Vigo, contribuíndo ao ben común da sociedade nesta pequena porción de Galicia que, no seu conxunto, agradece ás 330.342 persoas que contribuíron a sumar máis de 11 millóns de euros para continuar desenvolvendo este labor. Estas cifras sitúan á comunidade galega no sétimo posto do ranquin das 10 comunidades autónomas con máis “X” a favor da Igrexa e no oitavo posto daquelas comunidades nas que aumenta o número de novas declaracións.

En España, máis do 31% dos contribuíntes confiaron na Igrexa marcando a cuadrícula correspondente na declaración da renda e, ademais, provocaron un incremento de máis de 84.201 declaracións respecto ao ano anterior, que mostran o respaldo da sociedade ao labor da Igrexa. Máis de 8,5 millóns de declaracións a favor da Igrexa en España significan máis de 320 millóns de euros, o que supón que cada contribuínte que marca a “X” achega de media 37,73 euros, sen que por iso pague máis á facenda nin esta lle devolva menos.

O sistema de asignación tributaria é un sistema respectuoso coa liberdade dos cidadáns que, decidindo libremente marcar ou non a cuadrícula da Igrexa e/ou a doutros fins de interese social, apostan pola persoa e a súa dignidade. No caso da Igrexa, a Conferencia Episcopal Española publica cada ano a súa Memoria de Actividades que é pública e de fácil acceso a través do portal web portantos.es. Tamén a Diocese de Tui-Vigo, a través da súa web, publica, en torno ao Día da Igrexa Diocesana, os seus datos económicos, nos  que tamén se poden atopar reflectidas outras fontes de ingresos que, paralelamente, axudan a soster as actividades realizadas e que tamén resultan imprescindibles como no caso das achegas recibidas a través de donoamiiglesia.com ou a través das colectas dominicais de cada parroquia.

Para que a Igrexa poida continuar realizando o seu labor pastoral e social, necesita a colaboración de todas as persoas que, co seu tempo, experiencia ou achega económica, contribúen a crear, día a día, un espazo no que transformar a realidade. No último ano, foron máis de 4 millóns de persoas atendidas que puideron cambiar a súa vida porque sumando “X” logramos un mundo mellor. 

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp