3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Grazas por tanto

Grazas por tanto

Día da Igrexa Diocesana

A celebración na nosa diocese do Día da Igrexa Diocesana pon ante todos nós a extraordinaria realidade das nosas comunidades de fieis crentes. É tanta a súa riqueza que dificilmente teremos a medida adecuada para valorar o inmenso valor que esas comunidades supoñen para a vida de todos.

Na nosa diocese somos herdeiros dunha ininterrompida historia milenaria de vida cristiá que deu sentido á realidade das nosas parroquias ao longo de tanto tempo. Esa historia está chea de persoas e de familias que deron o mellor de si mesmas para construír realidades eclesiais que permanecen co paso dos séculos. Aí están as nosas catedrais e igrexas, cuxos construtores foron os nosos canteiros e artesáns, aí está a vida das nosas parroquias nas que se inscribiron con letras de ouro tantas vidas exemplares. Pero esa historia grande non se interrompeu, non se esgotou, continúa connosco hoxe.

Tamén nos nosos días a realidade eclesial da nosa diocese é extraordinaria. Moitos poden pensar que estou a esaxerar, pero convídovos a que percorrades coa vosa memoria a vida das parroquias que coñecedes. Normalmente atoparédesvos cunhas igrexas valiosas, adecuadamente renovadas, case sempre cun coidado interior admirable. Nesas igrexas hai vida, sobre todo en determinados días e datas do ano, celébranse a eucaristía e os demais sacramentos e ao redor delas nosos catequistas realizan a gran misión da evanxelización.

A máis extraordinaria riqueza da nosa diocese é a vida e o testemuño dos nosos fieis cristiáns. Esa riqueza non hai quen a poida contar nin quen a poida negar. É o maior tesouro que temos. A min o que máis me impresiona da nosa diocese é a multitude de persoas de fe con que me vou atopando. Por todas partes, onde menos o esperas, aparece alguén que che sorprende pola súa bondade e que che cativa pola frescura da súa fe.

Esas persoas boas e cheas de fe son a que sosteñen a Igrexa. Poida que esas persoas non teñan moitos bens deste mundo, pero sostéñennos coas súas mans pobres e coa súa credibilidade. O salmista di que nunca viu a un xusto abandonado e sen pan e esa confianza nunca debería abandonarnos.

Neste día chamamos ás vosas portas para que nos axudedes a soster a vida da Igrexa. Facémolo coa humildade do que vos necesita e coa gratitude do que sempre vos tivo preto.

 

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo