3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Rosa Quintana, Conselleira do Mar, fará este ano a Ofrenda do Mar en Panxón

Rosa Quintana, Conselleira do Mar, fará este ano a Ofrenda do Mar en Panxón

Un ano máis o Templo Votivo de Panxón acollerá a Ofrenda do Mar, a homenaxe de fe e devoción das catro mariñas —a armada, a mercante, a frota pesqueira e a deportiva— á Virxe do Carmen. Será o sábado, 9 de xullo, ás 20 horas presidida por Mons. Luís Quinteiro Fiuza, bispo de Tui-Vigo e promotor de Stella Maris en España. Tras a misa e un momento de adoración eucarística terá lugar desde a porta do templo a bendición dos mares co Santísimo.

A delegación diocesana de Apostolado do mar e o centro Stella Maris de atención ao mariño, que preside Elvira Larriba Leira, é a encargada de escoller cada ano ao oferente. Neste ano marcado pola traxedia do naufraxio do Villa de Pitanxo, a elección recaeu en Rosa Quintana, Conselleira do Mar da Xunta de Galicia.

Foi no ano 1939, cando o templo votivo de Panxón celebrou por vez primeira a Ofrenda do Mar que, ademais de ser unha homenaxe das mariñas á Virxe, converteuse nunha oportunidade para revalorizar o papel dos mariños e visibilizar os graves problemas que afectan as súas vidas e familias. A Igrexa universal reforza a conmemoración do «Día das xentes do mar» que se celebra todos os anos, o 16 de xullo, facéndoo coincidir coa festa católica da Virxe do Carme.

Na súa mensaxe con motivo do «Día das xentes do mar», Mons. Luís Quinteiro Fiuza, promotor de Stella Maris en España, manifestou que as desgrazas que sacoden o mundo do mar “sómennos a todos nunha tristeza infinita, chorando sen consolo humano a tantas vítimas que se afunden nas augas e deixan ás familias esnaquizadas e sen xustiza”. E destaca o afundimento do Villa de Pitanxo en terras de Terranova que “cubriu de loito aos familiares das vítimas e puxo ante o mundo o clamor polos dereitos duns homes e mulleres que senten abandonados. En ocasións, a dor das xentes do mar sacode a conciencia do mundo e a nosa sociedade descobre con sorpresa a débeda contraída con todos eles”. Unha débeda que “esixe un compromiso activo de todos para dignificar as condicións humanas da vida no mar”.

Desde 1944, tras a Asemblea Nacional do Apostolado do Mar que tivo lugar en Bilbao, a diocese de Tui-Vigo foi un referente para toda España na defensa e protección dos dereitos do mariño, grazas ao labor desenvolvido no coidado dos traballadores e as familias que dependen do mar.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp