3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

O bispo auxiliar de Santiago clausura o curso de Teoloxía para sacerdotes

O bispo auxiliar de Santiago clausura o curso de Teoloxía para sacerdotes

O vindeiro martes, 29 de marzo, ás 12:30 horas, no salón de actos do Seminario Maior de Vigo, o Instituto Teolóxico San Xosé da diocese de Tui-Vigo organiza a conferencia «Unha Igrexa en camiño, unha Igrexa sinodal. Camiños e horizontes dun novo  Sínodo (2021-2023)» que impartirá o bispo auxiliar de Santiago de Compostela,  Mons. Francisco José Prieto Fernández, para clausurar o Curso de Teoloxía para Sacerdotes.

O Instituto Teolóxico San Xosé de Vigo, xunto coa Vigairía para o Clero, ofrece unha formación integral destina aos sacerdotes —máis coñecida como formación permanente no ministerio sacerdotal—, a través dun modelo teolóxico-pastoral e sistemático que inclúe materias de fondo, cursos monográficos e charlas-coloquio ao longo de todo o ano académico. Durante este curso, o medio centenar de sacerdotes que asiste de maneira asidua puido profundar nalgunhas experiencias pastorais como Pedras Vivas; en temas de liturxia e música; ou en temas de actual calado social como a “Lectura teolóxica das novas leis: Eutanasia, LGTBI”, entre outros moitos.

D. Francisco José Prieto Fernández foi ordenado sacerdote o 26 de xuño de 1993 e desenvolveu o seu ministerio pastoral en Ourense. No ámbito docente, foi profesor no Instituto Teolóxico Divino Mestre (1995-2019) e director do Centro de Ciencias Relixiosas San Martín (desde 1995), así como profesor convidado no Instituto Teolóxico Compostelán (2017-2018). Por outra banda, foi membro da Comisión Teolóxica Asesora da Conferencia Episcopal Española (desde 2013) e secretario do consello de redacción da revista  Auriensia, publicación do Instituto Teolóxico Divino Mestre (desde 1998).

O 28 de xaneiro de 2021, o papa Francisco nomeouno bispo auxiliar de Santiago de Compostela. A súa ordenación tivo lugar o 10 de abril. No momento do seu nomeamento, era o capelán do mosteiro de San Xosé- Clarisas (2004-2021) e vigairo episcopal para a Nova  Evanxelización de Ourense (2012-2021).

Na Conferencia Episcopal Española é membro da Comisión para as Comunicacións Sociais e a Subcomisión para o Patrimonio Cultural. Ademais, desde o ano 2002, é membro da Asociación Bíblica Española.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp