O pasado venres, 28 de maio, a Cruz de Lampedusa peregrinou desde Vigo ata Baiona nunha embarcación de Salvamento Marítimo. O acto, que comezou ás 11 horas, organizouno o Centro Stella Maris de Atención ao Mariño en colaboración coa delegación episcopal de Acción Social e Caritativa, a Autoridade Portuaria e Salvamento Marítimo.
A Cruz atravesou o mar ata Baiona cunha pequena parada en Canido, onde foi recibida por un grupo de fregueses da parroquia. Pola tarde viaxou ata o templo Votivo do Mar de Panxón, onde permaneceu ata o sábado; alí, durante a misa pediuse por todos os mariñeiros, encomendando especialmente a aqueles que perderon a vida na mar.
Con este xesto, o Centro Stella Maris súmase ao chamado que o papa Francisco realizou a través da Cruz de Lampedusa para visibilizar o drama das migracións que, ano tras ano, provoca que miles de persoas perdan a vida no mar.