3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Cáritas de Tui-Vigo desenvolve un proxecto de asesoramento para emprendedores

Cáritas de Tui-Vigo desenvolve un proxecto de asesoramento para emprendedores

O programa de actividades para a Semana da Caridade inclúe un ciclo de 3 conferencias. A segunda delas, baixo o título «Emprendemento de trincheira», será impartida por Pablo Osorio, técnico de emprendemento de Cáritas desde o pasado mes de marzo, quen concedeu unha breve entrevista no programa semanal de COPE O espello de Tui-Vigo o pasado 21 de maio, para contar en que consiste esta iniciativa desenvolvida dentro do programa operativo de inclusión social e economía social  POISES.

Segundo o último informe do observatorio internacional Global Entrepreneurship Monitor (GEM), cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico, o potencial emprendedor de Galicia durante o ano 2019 incrementouse en relación ao exercicio anterior, pasando do 7,61% ao 8,51%. Isto significa que cada vez hai máis homes e mulleres que responden á definición que Pablo Osorio desenvolve na súa presentación: emprendedoras son as “persoas que posúen habilidades, coñecementos, motivacións e actitudes para poñer en funcionamento unha empresa ou negocio”.

Esta área de emprendemento comeza, tal e como explica Pablo, “no momento no que as miñas compañeiras de inclusión laboral detectan que algún usuario ten unha inquietude emprendedora, ou pola súa cabeza rolda unha idea de negocio, entro eu no proceso para traballar esas ideas”. Trátase de “perfís de xente que, ademais de traballar a parte de orientación laboral, busca unha solución á súa problemática particular desde o autoemprego” para convertela en negocios que se asenten sobre terra firme a través da metodoloxía do mentoring: que consiste en acudir a un profesional con certa experiencia e unha traxectoria profesional. As vantaxes, tal e como manifesta Pablo Osorio, son claras: experiencia, contacto, consellos, apoio, que se xuntan na figura do mentor.

Pablo Osorio, técnico de emprendemento de Cáritas Tui-Vigo.

A clave nisto do emprendemento, manifesta o técnico de Cáritas, reside na actitude “que ten un efecto multiplicador”. En Galicia, segundo o estudo GEM, un 53,52% da poboación manifesta ter habilidades e coñecementos para emprender, o que converte á comunidade galega na 3 de España coa porcentaxe máis alta capaz de xerar este “efecto multiplicador” do que fala Osorio.  

Os datos do estudo  GEM determinan que o 55,71% da poboación emprendedora non ve o autoemprego como unha boa opción profesional. Ante estas cifras e tendo en conta a actual crise provocada pola Covid-19, xorde a seguinte pregunta: merece a pena correr o risco de emprender? Pablo Osorio responde: “os que traballamos en emprendemento con metodoloxías áxiles, cremos que o risco ten que ser controlado. O emprendedor, máis aló do servizo ou produto que ofreza, máis aló das carencias, necesita ter clientes. Por moi interesante que sexa a túa idea ou o teu produto, se non hai clientes, dificilmente”.

Con este novo servizo, Cáritas de Tui-Vigo abrese camiño para continuar xerando emprego no territorio diocesano que, a través da súa axencia de colocación situada na rúa Eduardo Chao, logrou axudar a 419 persoas no último ano. Agora, con esta nova área buscan abrir novos camiños no mundo laboral do que se poidan beneficiar máis persoas como é o ámbito do emprendemento ao cal, segundo explica Pablo Osorio, “hai que chegar a través dun avance tecnolóxico, dunha paixón, dunha novidade, dunha carencia que o meu servizo ou produto pode cubrir e desde aí, analizar a capacidade de emprender”.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp