3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás
3 de Xullo de 2024

,

Santo Tomás

Na Declaración da Renda, 303 declaracións máis a favor da Igrexa católica, na diocese de Tui-Vigo

Na Declaración da Renda, 303 declaracións máis a favor da Igrexa católica, na diocese de Tui-Vigo

Co inicio da campaña da Renda 2020, a Diocese de Tui-Vigo quere agradecer un ano máis o compromiso de todas as persoas que colaboran con ela no seu labor de difundir o Evanxeo e promover a dignidade do ser humano, marcando a X a favor da Igrexa católica na súa declaración da renda. Ao mesmo tempo desexa informar tamén que o pasado ano sumáronse 47.645 declaracións con asignación ao seu favor, é dicir, 303 novos apoios máis que no exercicio anterior, todo o cal supón preto de 2 millóns de euros (1.882.233) que os contribuíntes desta diocese achegan ás actividades pastorais e asistenciais da Igrexa.  

Nun exercicio de  transparencia que é habitual nesta diocese, dáse conta así mesmo dos principais investimentos realizados durante o mesmo ano 2019 e que, segundo os datos publicados o pasado mes de novembro na revista da Conferencia Episcopal  Xtantos, revelan que a Diocese logrou atender a preto de 49 mil persoas a través dos diferentes centros de atención social e  caritativa que conforman a institución eclesial. Isto, en parte, foi posible grazas ás 47.342 declaracións a favor da Igrexa na delegación viguesa (en 2018) que supuxeron un total de 1.762.208 euros.

Aínda que a covid-19 tamén provocou grandes cambios na realidade eclesial, pastoral e social, iso non foi un impedimento senón máis ben un acicate para que a Diocese de Tui-Vigo se fixese presente alí onde máis se necesitou a través das súas 276 parroquias.  Durante os días máis duros do confinamento, os sacerdotes seguiron acompañando ás súas comunidades mesmo na imposibilidade de facelo do modo habitual, a través de medios dixitais achegándolles a Palabra de Deus e a Eucaristía nas redes sociais como o caso, por citar só algún, de  Clodomiro Ogando que, mediante vídeos de aproximadamente 3 minutos, amenizaba a lectura do Evanxeo dominical con cantos inspirados en músicas coñecidas ou muiñeiras,  para os fregueses das súas sete parroquias de Ponteareas. No caso da unidade pastoral de Os Cotos, os sacerdotes responsables estiveron ao dispor da súa comunidade para realizar compras ou recoller medicinas en necesidades puntuais.

Tamén numerosas parroquias da cidade de Vigo redobraron os seus esforzos por mellorar a situación económica e familiar de moitas familias, como é o caso da parroquia de San Antonio da Florida en Vigo onde crearon un espazo no que persoas en paro teñen acceso a internet para buscar emprego a través de portais dixitais. Os equipos de Cáritas de comunidades cristiás como a Inmaculada Concepción ou o Sagrado Corazón de Xesús de Vigo axudaron a decenas de migrantes a inserirse na sociedade viguesa grazas ás clases de español gratuítas que ofrecen nos seus locais parroquiais. De modo que así, poidan, non só facilitar a súa entrada no mundo laboral, senón mellorar a relación coa súa contorna social.

Todas estas accións foron e continúan sendo posibles grazas á colaboración de miles de persoas que, marcando a cuadrícula correspondente na súa declaración da Renda a favor da Igrexa, fan unha aposta sincera por esta, tal e como se mostra e vive na Diocese de Tui-Vigo, contribuíndo ao ben común da sociedade nesta pequena porción de Galicia. 

En España, o 32% dos contribuíntes confiaron na Igrexa marcando a cuadrícula correspondente na declaración da renda e, ademais, provocaron un incremento de máis de 106.000 declaracións respecto ao ano anterior, que mostran o respaldo da sociedade ao labor da Igrexa que contribúe a remediar o aumento de necesidades de axuda ao próximo provocadas pola pandemia. 

Máis de 8 millóns de declaracións a favor da Igrexa en España significan máis de 300 millóns de euros, converténdose na cifra máis alta desde o comezo do actual sistema de asignación tributaria en 2007, co que cada contribuínte que marca a X achega de media 35,4 euros, sen que por iso pague máis á facenda nin esta lle devolva menos.

O sistema de asignación tributaria, que cumpre trece anos, é un sistema respectuoso coa liberdade dos cidadáns que, decidindo libremente marcar ou non a cuadrícula da Igrexa e/ou a doutros fins de interese social, apostan pola persoa e a súa dignidade. No caso da Igrexa, a Conferencia Episcopal Española publica cada ano a súa Memoria de Actividades que é pública e de fácil acceso a través do portal web  portantos.es. Tamén a Diocese de Tui-Vigo, a través da súa web, publica, arredor do Día da Igrexa Diocesana, os seus datos económicos, nos  que se poden atopar reflectidas outras fontes de ingresos que, paralelamente, axudan a soster as actividades realizadas e que tamén resultan imprescindibles, como no caso das achegas recibidas a través de donoamiiglesia.com ou a través das colectas dominicais de cada parroquia.

Para que a Igrexa poida continuar realizando o seu labor pastoral e social, necesita a colaboración de todas as persoas que, co seu tempo, experiencia ou achega económica, contribúen a crear, día a día, un espazo no que transformar a realidade. No último ano, foron máis de 4 millóns de persoas atendidas que puideron cambiar a súa vida porque sumando X logramos un mundo mellor. 

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp