Elixe castelán

Páxina de inicio Inicio

Área restrinxida Área restrinxida

Correo electrónico

RSS

Ver toda a axenda [+]

INFORMACIÓN. Noticias publicadas

Servicio de publicacións. Noticias publicadas


25 Anos das Xornadas Sacerdotais de Poio.

Este ano cúmprense 25 anos das Xornadas Sacerdotais que se viñeron celebrando ininterrompidamente entre sacerdotes das cinco dioceses de Galicia. O próximo encontro do mes de setembro en Poio terá un significado moi especial xa que contará coa presenza do Sr. Prefecto da Congregación do Clero, Cardeal Beniamino Stella. Hai que esperar, por tanto, que poidamos escoitar a través das súas palabras cales son as preocupacións e as indicacións do Papa Francisco para os sacerdotes neste momento concreto da Igrexa.

As Xornadas Sacerdotais de Poio comezaron como unha necesidade sentida por todas as dioceses de Galicia de poñer en común as preocupacións pastorais dos sacerdotes daqueles anos, e de dialogar, á luz da Doutrina da Igrexa, sobre as adecuadas solucións aos retos que á Igrexa en Galicia se lle plantexaban naqueles momentos.

No ano 1990 celebrouse o Sínodo dos Bispos que se ocupou do aumento e formación básica dos candidatos ao presbiterado, así como do estudo específico de programas de formación permanente dos sacerdotes. No mes de marzo do ano 1992, o Papa Xoán Paulo II publicou a subseguinte Exhortación Apostólica Pastores dabo vobis.

É imposible entender a historia das Xornadas Sacerdotais de Poio sen a súa constante referencia aos Pastores Dabo Vobis, á vez que é difícil separar a incidencia nas nosas dioceses galegas da citada Exhortación Apostólica sen referirnos, dalgún modo, ás devanditas xornadas

A celebración da efeméride dos 25 anos das Xornadas Sacerdotais de Poio ten lugar ao pouco tempo de que a Congregación do Clero publicase a Ratio fundamentalis institutionis sacerdotalis, que está chamada a ter unha profunda impronta eclesial no ámbito do fomento e da formación das vocacións sacerdotais en íntima unión coa formación permanente dos sacerdotes.

As Xornadas Sacerdotais de Poio deste ano serán un momento importante para tomar conciencia do que o Papa Francisco nos pide aos sacerdotes hoxe. Por iso, convídovos a todos a asistir a elas, polo menos á conferencia do Cardeal Beniamino Stella.

+ Luís Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo


Subir a inicio