Elixe castelán

Páxina de inicio Inicio

Área restrinxida Área restrinxida

Correo electrónico

RSS

Ver toda a agenda [+]

BISPO. Biografía

Bispo

Biografía

D. LUIS QUINTEIRO FIUZA,

bispo diocesano de Tui-Vigo

Don Luis Quinteiro Fiuza nace en Sabrexo (Vila de Cruces, Pontevedra, Arquidiocese de Santiago de Compostela) o día 26 de xuño de 1947. Ingresa no Seminario Menor de Belvís de Santiago de Compostela en 1958. Uns anos despois, en 1966, sendo seminarista maior, comeza os seus estudos teolóxicos na Pontificia Universidade de Comillas (Santander) e, trasladada esta Universidade a Madrid, obtén o grao de Licenciado en Teoloxía e realiza os cursos de doutoramento.

En xuño de 1971 é ordenado presbítero en Madrid, na Igrexa do I.C.A.I. dos Xesuítas.

En 1978 vai a Roma para ampliar estudos na Pontificia Universidade Gregoriana. Durante esta estancia na Cidade Eterna, especialízase en Filosofía Contemporánea e realiza varios cursos e seminarios sobre o estudo e pensamento de Karl Marx.

En 1981 asiste en Alemaña a uns cursos da Hochschule für Philosophie de Munich. É Doutor en Filosofía pola Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, cunha tese sobre o Realismo Transcendental, na que obtén a cualificación de Summa cum laude.

Na súa Diocese de orixe desenvolveu un intenso labor pastoral e intelectual: Coadxutor (Vigairo Parroquial) da Parroquia de San Xoán, Director da Residencia Universitaria “Burgo das Nacións”, Formador e Profesor do Seminario Menor, e Capelán da Residencia Universitaria “Padre Míguez”, das relixiosas Calasancias da Divina Pastora.

No ano 1982 é nomeado Profesor do Instituto Teolóxico Compostelán e director do Centro de Formación Teolóxica de Segrares da Arquidiocese. No ano 1992, Director do Instituto Teolóxico Compostelán, e en 1997, Reitor do Seminario Maior de Santiago de Compostela.

En 1999 o Beato Xoán Paulo II noméao Bispo Titular de Fuerteventura e Auxiliar de Santiago de Compostela, sendo ordenado o 19 de xuño seguinte. O seu lema episcopal Beati Misericordes (Mt 5,7), recolle unha das Benaventuranzas, na cal o Señor invita aos seus discípulos a percorrer o camiño da misericordia, que ten o seu punto de partida na Misericordia de Deus manifestada no seu Fillo Xesucristo.

No ano 2002 é designado Bispo de Ourense, Diocese na que permaneceu sete anos. Pertence na Conferencia Episcopal Española á Comisión Episcopal da Doutrina da Fe e á de Migracións, sendo nesta última o Bispo Promotor do Apostolado do Mar.

O 28 de xaneiro do 2010 fíxose público o seu nomeamento como Bispo de Tui-Vigo.

Na Santa Igrexa Catedral de Tui, toma posesión o día 24 de abril de 2010; e no día seguinte realiza a entrada na Con-Catedral de Vigo.

Enderezo

Dr. Corbal, 90-36207 Vigo

Teléfono:610 203 429

Correo electrónico

DESCRICIÓN HERÁLDICA DO ESCUDO EPISCOPAL

DE MONS. LUÍS QUINTEIRO

Existe un antigo costume -que os Bispos adoitan continuar na actualidade-, consistente en elaborar un escudo heráldico para quen é nomeado Bispo. Máis que un escudo de armas ou de liñaxe, hoxe converteuse nunha especie de marca ou expresión dos propios ideais espirituais.

O escudo de Mons. Quinteiro Fiuza que aparecerá tamén no selo dos documentos que firme consta do capelo verde episcopal orneado lateralmente con dous cordóns e seis borlas cada un en tres ordes; acompáñanlle a mitra e o báculo que son signos propios do Bispo. Unha bordadura de estrelas de prata en campo de azur, rodea á Cruz de Santiago de gules, en campo de prata, levando no seu centro unha venera en ouro. Ao pé, o lema elixido por el : “Beati misericordes” .

Comentario dos símbolos

A mitra: serve para cubrir a cabeza do Bispo nas celebracións, como sinal da preeminencia que lle corresponde entre os demais da Asemblea; pero simboliza tamén o brillo da santidade que debe adornar a quen ten a plenitude do sacerdocio.

O báculo: recorda artisticamente o cayado do Bo Pastor que debe ser o Bispo, guiando na seu “actividade pastoral diocesana “ a grey que se lle encomendou.

As estrelas: fan referencia ao descubrimento do sepulcro de Santiago Apóstolo, patrón e evanxelizador de España, de tan fonda devoción para D. Luís.

A Cruz de Santiago e a vieira : novas referencias á procedencia de Mons. Luís Quinteiro e insignias dos peregrinos a Compostela.

O lema “Beati misericordes”: recolle unha das Benaventuranzas (“Benaventurados os misericordiosos”) que condensa o camiño cristián da felicidade e o estilo e modo de ser do Deus manifestado en Xesucristo, tan cheo e rico en misericordia.

Subir a inicio